A campaña fai fincapé na protección de riscos tanto nos lugares de traballo como no manexo dos animais, da maquinaria, dos produtos químIcos, e coas cargas. Ademais insta aos propietarios a protexer ás mulleres traballadoras durante o embarazo, a lactación e a maternidade.
Tal e como informa o Issga -Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia-, as instalacións das granxas deben adaptarse a cada un dos animais polo que cómpre realizar un correcto mantemento e evitar o risco de caída de altura nos silos. Outra das recomendacións consiste en limpar e desinfectar as dependencias e equipos con frecuencia e mantelas ordenadas.
No manexo de animais indícanse as diferentes técnicas de manexo e como evitar o contaxio de enfermidades, garantindo situacións seguras e empregando técnicas e dispositivos e medios auxiliares específicos.
En canto á maquinaria e equipos, asesórase en materia de seguridade viaria e o uso seguro de vehículos e outros aparellos.
O material divulgativo ofrece consellos para a correcta manipulación, almacenaxe e xestión de envases e residuos dos produtos químicos.
Tamén se recollen aspectos relativos á manipulación manual de cargas relacionadas co embarazo e a lactación, sinalando aquelas situacións que se deben evitar como os traballos con calor ou frío extremo, con maquinaria, que supoñan sobreesforzo ou as xornadas prolongadas.
Con esta iniciativa, a Xunta pretende concienciar da importancia da prevención dos riscos laborais nas explotacións de gando vacún.