- Sumaríase á de Xaviña, recentemente inaugurada
O Concello de Camariñas acordou en Xunta de Goberno Local ofertar o Centro de Iniciativas, situado na rúa Río do Prado, como Casa do Maior, pequenos centros de día que a Consellería de Política Social fomenta no rural para cubrir este servizo. En concreto o goberno local poñerá a disposición dos veciños unha gran aula onde na actualidade se leva a cabo o obradoiro de emprego, as clases de informática e outras actividades.
Ao igual que sucede na de Xaviña, recentemente inaugurada, o servizo estará financiando integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas da Consellería de Política Social que deberán solicitar as promotoras interesadas neste proxecto. Ademais, estas deberán comprometerse a realizar as obras necesarias para a adaptación do inmoble e mobiliario tendo en conta o establecido na convocatoria. A duración máxima de autorización de ocupación será de 5 anos.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, destacou que as Casas do Maior son necesarias «mentres o Centro de Día non sexa unha realidade», e fixo fincapé na «gran aceptación» que está tendo a de Xaviña.