Canadá di ter probas de que un mísil iraniano derrubou o avión ucraíno que se estrelou o mércores preto do aeroporto de Teherán matando a 176 persoas. O suceso produciuse no medio dunha escalada das tensións entre Estados Unidos e Irán, que lanzou varios mísiles ás dúas bases que ten EEUU en Iraq, un dos cales podería impactar contra o avión por erro.
“Temos servizos de intelixencia de múltiples fontes, incluíndo os nosos aliados e nosa propia intelixencia. A evidencia indica que o avión foi derrubado por un mísil iraniano de terra a aire. Isto ben pode ser involuntario”, explicou Justin Trudeau, Primeiro Ministro de Canadá.
Os servizos de intelixencia de Estados Unidos tamén cren “altamente probable” que o avión ucraíno fose derrubado accidentalmente por un mísil iraniano. A aeronave, con destino a Kiev, precipitouse pouco despois do despegue.