Canon presenta un sistema para o cálculo masivo de persoas en tempo real


O control de aforo en espazos públicos, transporte, praias, etc. converteuse nunha prioridade no proceso de desescalada, que deu lugar ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas seguras por parte dos fabricantes, e Canon non se quedou atrás.

Trátase dunha solución software baseada na tecnoloxía de análise de vídeo, e impulsada por intelixencia artificial, que se utiliza en cidades intelixentes ou smart cities, capaz de identificar cunha precisión superior ao 95% e en cuestión de segundos o número de persoas que se atopan nunha área concreta.

Ademais, a análise de vídeo ten unha gran precisión para detectar a persoas en 360º, e conta cun despregamento rápido para optimizar tanto o tempo como o custo para a configuración inicial. Esta tecnoloxía permite tanto ás Administracións Públicas como a empresas privadas realizar unha análise da afluencia de persoas en recintos e espazos abertos e, cunha única cámara de vixilancia, contar o número de persoas que se atopan nun espazo equivalente a un campo de fútbol en poucos segundos (ata 60.000 persoas nun mesmo espazo en tempo real, segundo os datos do fabricante).

Outra das súas vantaxes é que permite crear alertas automáticas e implantar medidas de seguridade, por exemplo, se accederon tantas persoas como establece o aforo nunha estación do metro ou nunha praia. A implantación do software do Cálculo masivo de persoas de Canon pode realizarse mediante a súa integración nunha cámara IP, sempre que esta cumpra unha serie de requisitos de resolución, altura e posición para optimizar o seu funcionamento.

Como sinala Fabien Leger, business developer de Canon España, “por mor da crise sanitaria que vivimos, as Administracións Públicas son máis conscientes que nunca do importante que é evitar as aglomeracións nas cidades. Ser capaces de controlar o aforo en praias ou transportes a tempo real é clave para optimizar a xestión das cidades, especialmente no momento no que nos atopamos, no que a prevención seguirá sendo a prioridade”.