Carballo captura 3.829 raíñas de velutina no primeiro mes da campaña de trampeo

1 minutes read
  • O Concello de Sant Cugat del Vallès mostrou interese polo sistema de captura de Carballo, modelo de moitos concellos galegos

No primeiro mes da campaña anual de trampeo da avespa velutina impulsada polo Concello de Carballo foron capturadas 3.829 raíñas, case 1.000 máis que o ano pasado; datos que reflicten que esta especie invasora segue a ser un problema de grande magnitude.

A campaña, que se prolongará ata finais de maio, conta xa con 201 colaboradores (en boa parte apicultores) e 1.272 trampas repartidas entre as 18 parroquias carballesas onde Rus volve a figurar á cabeza. A modo de exemplo, nas 6 trampas colocadas por un colaborador do lugar da Canosa caeron 199 avespas.

As persoas interesadas en sumarse a esta campaña poden facelo cubrindo este formulario. Entregaráselles, de balde, a trampa e o líquido atraente.

Carballo, un modelo para outros concellos
O Concello de Carballo foi pioneiro na organización de campañas de trampeo, realizando a primeira no ano 2017. Nos últimos anos, o sistema de participación veciñal implantado no municipio é un modelo a seguir para outras localidades galegas ás que agora se suma tamén a de Sant Cugat del Vallès, na provincia de Barcelona.