Capturadas en Zas máis de 1.200 raíñas de velutina no primeiro mes de trampeo


As cifras siguen sendo alarmantes e demostran que a praga da vespa velutina segue moi presente. En pouco máis dun mes, as 221 trampas distrubuidas polas 16 parroquias que forman o Concello de Zas capturaron algo máis de 1.200 raíñas evitándose así a formación doutros tantos niños de vespa velutina.

Este é o quinto ano consecutivo que o Concello de Zas pon en marcha unha campaña para loitar contra a vespa velutina.. Ao igual que nos anos anteriores, a campaña comezou a mediados do mes de marzo – momento no que as raíñas despertan do seu letargo invernal – e continuará ata o mes de maio; época na que aperecen os niños primarios. Este ano contaron coa colaboración de 132 veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio aos que se lle entregaron as trampas e o respectivo líquido atraínte. 

A campaña de trampeo, xestionada pola empresa Plaguiber, está reforzada coa instalación doutras 80 trampas en espazos públicos e altamente sensibles a esta praga como son as zonas dos centros educativos, centros de saúde, paseos fluvais, Torres do Allo,… 

Cabe lembrar que no momento en que comecen a aparecer os primeiros niños segue a ser moi importante a colaboración veciñal. Para iso débese de comunicar o aviso para a súa retirada no número de teléfono 012 da Xunta de Galicia.