O Alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, anunciou que continúa coas xestións administrativas para que a Deputación da Coruña poida licitar investimentos por 2.8 millóns de euros en Ponteceso. “As sendas de Lestimoño e a Ponte de Xavarido van ir moi pronto a Pleno da Deputación, despois de difíciles procesos de autorizacións sectoriais e as correspondentes expropiacións” pero o Alcalde pide a intervención da Conselleira de Medio Ambiente no bloqueo da autorización do aparcamento disuasorio de Balarés. “Dende Marzo non contestaron” queixouse o Alcalde. A Ponte de Xavarido entre Langueirón e Corcoesto, as sendas de Ponteceso a Lestimoño e o aparcamento de Balarés suman case 3 millóns. A Ponte de Xavarido sobre o río Anllóns suma máis de 1.6 millóns, as sendas de Lestimoño superan os 800.000€ e o aparcamento disuasorio e senda peonil de Balarés, máis de 400.000€. A colaboración da Xunta de Galicia é esencial: Augas e Patrimonio avanzan pero Medio Ambiente non, concluíu Carballido.
Inicio Costa da Morte Carballido continúa coas xestións para que a Deputación licite investimentos na vila...