Carballido responde a Augas de Galicia: «Ogallá tiveran rapidez para ordenar investimentos en Ponteceso»

1 minutes read
Calle Real, Corme_GOOGLE MAPS
  • A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, considera «deficiente» a explotación do saneamento de Corme

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, decidiu contestar á carta da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na que sinalaba que a explotación do saneamento de Corme é «deficiente». Ante estas palabras, o rexedor saíu en defensa do Concello de xeito contundente, desexando que «a rapidez que tivo [Gutiérrez] para mandar esa carta e facela pública ogallá a tivera para ordenar investimentos de Augas de Galicia en Ponteceso».

Segundo Carballido, todo o investimento de Augas de Galicia no municipio nos últimos 6 anos «limítase a un pequeno estudo da depuradora de Pazos, sen investimento ningún». Ademais, o alcalde quixo lembrar que desde o Concello xa solicitaran a colaboración do ente autonómico para a xestión dunha «depuradora que eles mesmos construíron á súa maneira, e que é unha herdanza envelenada para un concello con poucos recursos». A resposta a esa petición, dixo o alcalde, nunca chegou.

O rexedor volveu a salientar o esforzo financeiro da Administración local, así como da Deputación da Coruña, para investir nos problemas relativos ao abastecemento e saneamento da auga, porque que «temos moitas parroquias» sen este servizo e, malia crise da auga en Corme, desde Augas de Galicia «non se fixo nada na mellora do sistema».