Carballo | 11 anos de cárcere para un pai que abusou da súa filla de 7 anos


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 11 anos de cárcere que a Audiencia Provincial da Coruña lle impuxo a un pai, veciño de Carballo, por abusar sexualmente da súa filla. No momento dos feitos, a menor tiña sete anos.

Os maxistrados da Sala do Civil e Penal desestimaron así o recurso de apelación interposto polo acusado, informou o TSXG este mércores nun comunicado. Segundo indican na resolución, as declaracións dos responsables de equipos, programas e facultativos «deixan claro que a versión da menor é consecuente, coherente e persistente». O alto tribunal galego subliña que non existen elementos que cuestionen a versión da nena e descarta a existencia de móbiles espurios.

O procesado, segundo a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, cometeu os feitos en 2014 no domicilio no que vivían en Carballo en distintos momentos. Non puido determinarse «o número de veces que ocorreu», destaca o fallo. Ao home quedoulle retirada a patria potestade e non poderá achegarse a menos de 200 metros da moza durante 16 anos.