- O goberno local adxudicou por case 150.000 euros as obras para estender a rede de abastecemento de auga nas parroquias de Oza e Goiáns
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns a concesión de subvencións a un total de 29 entidades culturais por un importe de 46.986,74 euros. O goberno local subvenciona deste xeito os programas de actividades desenvolvidos ao longo do ano 2019 e a organización das cabalgatas de Reis. Tan só foi rexeitada unha das 30 solicitudes recibidas por non acadar a puntuación mínima establecida.
Ademais das subvencións a entidades culturais, fóra da orde do día tamén foron aprobados os convenios coa Asociación de profesionais da dirección e a realización de Galicia (CREA) e a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) para o Festival Carballo Interplay, que se celebrará este mes.
No relativo á obras e subministros, a Xunta adxudicou por 163.712,62 euros a mellora do carril bici das rúas Poñente, Fábrica e Avenida de Malpica; así como o contrato das obras de ampliación da rede de abastecemento aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns), que será executadas pola empresa Gestión y Técnicas del Agua por un importe de 149.418,07 euros.
Tamén se declarou deserto o procedemento de contratación das obras de reurbanización da rúa Tarragona, e abriuse un novo expediente de contratación por importe de 65.200,11 euros.
Medidas anti-COVID
Na Xunta de Goberno Local aprobouse a modificación dos contratos do servizo de limpeza dos colexios e escolas de infantil e primaria en aplicación do protocolo de medidas de prevención da COVID-19, o que suporá un incremento do custo de 8.938,97 euros ao mes. Por outra banda, o Concello tamén saca a licitación a adquisición de máscaras cirúrxicas por un prezo unitario máximo de 0,40 euros máis IVE, cun orzamento total de 9.680 euros.