Carballo | A Alternativa denuncia unha modificación na RPT que vulnera os dereitos dos traballadores

2 minutes read
  • Estas modificacións inclúen a rebaixa de dous postos de administrativo do nivel 20 ao nivel 16

A Mesa de Negociación, reunida este martes 13 de xullo, aprobou de forma inicial unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e do cadro de persoal que «vulnera de forma clara os dereitos dunha parte do funcionariado municipal», destacan desde a asociación de funcionarios A Alternativa de Carballo.

As referidas modificacións inclúen a rebaixa de dous postos de administrativo do nivel 20 ao nivel 16, coa conseguinte perda económica para as persoas que puidesen resultar propietarias finais desas prazas. Para A Alternativa, que o goberno municipal «se atreva a cambiar as regras de xogo no medio da partida é algo totalmente indefendible».

Desde a formación lembran que na localidade de Carballo se desenvolveu recentemente un proceso selectivo para trece prazas
de promoción interna á categoría administrativa. Desas trece prazas, catro estaban catalogadas como nivel 20 e as nove restantes como nivel 16. «Agora, co proceso selectivo xa rematado e coa toma de posesión aínda pendente por motivos que o goberno se nega a explicar, preténdese rebaixar a categoría de dúas das prazas ofertadas» sinala o representante de A Alternativa, Vítor Recarei Añón, polo que «non sabemos como repercutirá no proceso en marcha, xa que as persoas que superaron o proceso selectivo aínda non foron citadas para a toma de posesión».

Recarei ve «ilóxica» a situación e considera que se debe citar ás persoas seleccionadas para tomar posesión das súas prazas «de forma inmediata» e facelo coa posibilidade de «escoller destino e respectando as prazas que figuraban e figuran na relación de postos de traballo vixente».

A Alternativa insiste en que se recurrirá esta medida pola que se produciría «un retroceso nas condicións profesionais e salariais de parte do persoal municipal» como nunca antes se vira.

Por outra banda, si que «agradece» que o goberno local recapitulase sobre unha petición que presentou a asociación de funcionarios hai dous anos, solicitando a desaparición da subescala auxiliar (C2) e a súa refundición na escala administrativa (C1). «A pesar de que nunca se nos deu resposta formal, e de forma informal a nosa pretensión foi desprezada, a proposta que ven de ser aprobada na Mesa de Negociación asume esa idea e abre xa o camiño á desaparición da subescala auxiliar», afirma Recarei.