Carballo | A Alternativa esixe unha nova forma de facer política en materia de persoal

2 minutes read
  • A asociación de funcionarios afirma que o persoal municipal entérase «pouco e mal» de cambios moi significativos nas relacións laborais

Seis meses despois da última reunión da Xunta de Persoal do concello de Carballo, a asociación local de funcionarios A Alternativa reclama que se realice unha nova xuntanza para tratar temas que a presidenta da Xunta de Persoal considera «irrelevantes», destaca o representante de A Alternativa, Vítor Recarei Añón. Entre estas cuestións atópanse unha sentenza que afectou á Oferta de Emprego Público do ano 2020, a modificación «por enésima vez» da RPT do concello de Carballo ou que tivera que pasar medio ano para ver aprobado o Fondo de Acción Social.

«A Xunta de Persoal, por decisión exclusiva da representación sindical maioritaria, converteuse nunha rémora, nun estorbo que ignorar», afirma Recarei, pois «as decisións en materia de persoal tómanse, é obvio e manifesto, a porta pechada e por non máis de catro persoas, despreciando totalmente a transparencia e o debate cun colectivo formado por arredor de duascentas persoas».

No período precedente (2015/2019) a Xunta de Persoal, xa baixo a mesma dirección actual, reuniuse «a duras penas unha vez ao ano». Tras as eleccións sindicais do verán do 2019, o reelecto presidente comprometeuse mediante un acordo a convocar unha reunión ao mes, se ben «esta periodicidade lles pareceu excesiva, e acordaron adiar estas xuntanzas a unha vez cada dous meses», sinalan desde A Alternativa, desde onde fan fincapé en que isto é «só un síntoma máis da forma de xestionar a política de persoal por parte do goberno local e a maioría sindical».

«Á desaparición intencionada da Xunta de Persoal súmase a convocatoria vacía da Mesa Xeral de Negociación á que se segue vetando a presenza da Alternativa», destaca Recarei, quen asegura que o persoal municipal «entérase pouco e mal de cambios moi
significativos nas relacións laborais». A Alternativa reclama que se cambie a forma de facer política en materia de persoal, tanto por parte do goberno local como da maioría sindical, e que a segunda metade do mandato veña «cunha nova práctica de diálogo aberto».