- A cocaína foi a substancia máis consumida polas persoas solicitantes, cun 42% dos casos derivados
A asociación Vieiro, con sede en Carballo, deu a coñecer este venres o balance correspondente ao ano 2021 do Servizo de Información, Atención e Asesoramento, un programa que proporciona axuda sobre calquera aspecto relacionado cos problemas derivados de condutas adictivas e o seu tratamento e que abarca unha área xeográfica desde A Coruña ata Fisterra.
Marcada demanda feminina
Durante o ano pasado a entidade atendeu un total de 204 demandas: 51 presenciais (sendo atendidas 35 mulleres e 16 homes) e 153 telefónicas (realizadas por 128 mulleres e 25 homes). En relación ao motivo das consultas, destacan as referidas a programas de prevención, seguido de pautas psicoeducativas de orientación a familias e a demanda de información sobre substancias, máis concretamente referida á cocaína e o alcol.
As mulleres tamén foron as que máis demandaron información sobre substancias e centros terapéuticos rexistrándose un 59%, seguido dun 41% de homes, no que respecta a atención presencial; e un 79% de mulleres fronte a un 21% de homes en canto á atención telefónica.
O gran problema: a cocaína
A cocaína foi a substancia máis consumida por parte das persoas que solicitaron información cun 42% dos casos derivados, seguida do alcol cun 15% e o xogo e as novas tecnoloxías cun 13%. O resto das porcentaxes repártese entre heroína, cánnabis e tabaco.
As idades das persoas derivadas a centros terapéuticos abarcan un amplo tramo comprendido entre os 16 e os 55 anos, aínda que o 70% atópanse entre os 19 e 30 anos, seguida por un 20% de persoas de entre 40 e 45 anos. O resto de porcentaxes distribúese noutras franxas de idade.
En canto aos centros aos que foron derivadas as persoas que demandaron tratamento, 5 acudiron a Proxecto Home, 4 á UCA e 7 a outros centros de deshabituación.