Carballo | A Aula de Teatro Municipal retomará a súa actividade con seguridade


Do 21 ao 30 de outubro estará aberto o prazo de inscrición para a Aula de Teatro Municipal, que en breve retomará a súa actividade con medidas específicas para a situación sanitaria actual. Por iso, no primeiro trimestre só se levarán a cabo os obradoiros de teatro, con grupos compostos por un máximo de catro persoas e sesións tamén reducidas a 30 minutos de duración. O novo formato da Aula de Teatro responde aos acordos adoptados nunha xuntanza celebrada en setembro para avaliar os protocolos e os condicionantes derivados da COVID-19, polo que a organización podería variar en función da evolución da pandemia.

En principio, para este primeiro trimestre óptase por grupos e sesións reducidos, e de cara ao ano 2021, sempre que a situación sanitaria o permita, adoptaríase o mesmo esquema de traballo do curso anterior, coa preparación conxunta dun espectáculo teatral do que formarían parte as persoas seleccionadas polo director.

O período lectivo abranguerá dende este mes ata setembro do ano 2021. As clases celebraranse no Pazo da Cultura os xoves pola tarde, en sesións de media hora que se desenvolverán dende as 18.30 ata as 22.00 horas. Os horarios de cada grupo coordinaranse coas persoas participantes. No segundo e terceiro trimestres realizaríanse, en horario de 20.00 a 22.00, os ensaios para o espectáculo final.

A Concellaría de Cultura ofrece un total de 25 prazas para a Aula de Teatro Municipal, unha actividade destinada a persoas maiores de idade. A inscrición é de balde e o prazo rematará o 30 de outubro, presentando no Rexistro Municipal, debidamente cuberta, a folla que pode descargarse ao final desta nova. Terán prioridade os/as participantes na anterior convocatoria. As persoas non admitidas formarán parte dunha lista de suplentes para cubrir posibles baixas. O alumnado terá a obriga de asistir regular e puntualmente á sesións da aula e de participar como mínimo en dúas actividades de intervención teatral propostas pola Concellaría de Cultura.