Carballo | A ‘carballeira do futuro’, no polígono de Bértoa, conta xa con máis de 150 árbores

Concello de Carballo

  • Por cada cativo nado no municipio no 2020 e 2021 plantouse unha árbore procedente do carballo de Vilar de Francos

Moitas veces o bo tempo acompaña ás boas iniciativas. Este foi o caso da plantación da ‘carballeira do futuro’, no polígono industrial de Bértoa, en Carballo, onde este sábado se plantaron 103 novas árbores fillas do carballo de Vilar de Francos, sumando máis de 150.

O alcalde, Evencio Ferrero, sinalou que todas as que se plantaron o ano pasado por cada neno e nena nado no municipio prenderon, polo que agarda que este ano se repita o mesmo desexando ademas que nun futuro os participantes poidan «volver a pasear por este parque e dicir: aquí está o meu carballo, que leva o meu nome, e planteino o 19 de marzo do ano 2022».

Aínda que se desenvolveu durante a fin de semana, o acto realizouse en conmemoración polo Día Mundial da Árbore, que se celebrou este luns 21. A idea desta iniciativa é garantir o futuro do Carballo de San Antón plantando un dos seus fillos por cada neno nado na localidade bergantiñá nos últimos anos, quedando o nome dos mesmos rexistrado en cada árbore.

Pais, nais, avós ou tías acompañaron aos pequenos durante unha xornada na que tamén houbo animación musical e globos. A plantación foi supervisada por persoal da Brigada Municipal de Xardíns e utilizouse o compost elaborado polos carballeses cos residuos que foron depositando nos colectores marróns.

Cedida