Carballo | A Comisión da Milagrosa acorda organizar un gran acto lúdico-festivo no Entroido

Comisión Milagrosa. Foto.- Archivo.

Segundo informan desde a entidade, tras analizar os distintos eventos que habitualmente se celebran en Carballo e arredores, detectaron un gran baleiro en canto a actividades lúdicas nas datas de inicio do Entroido. Para non coincidir cos habituais desfiles e enterros programados (en Carballo e Buño, principalmente), a Comisión de Festas da Milagrosa propón o sábado 18 de febreiro como día central das súas actividades.

Para iso, están a traballar en sentar as bases do que serán os actos en si, sendo a súa intención elaborar un programa variado e completo baixo unha gran carpa pechada e climatizada, que dea acubillo a todos os participantes e ao público en xeral.

Tal e como indican, barállase a posibilidade de contar cun amplo e variado programa musical e de exaltación do Entroido, que se podería complementar con outros servizos que permitan a quen o desexe gozar dunha completa festa sen saír do barrio. Para iso esperan contar coa inmellorable resposta da veciñanza (como de costume), e tamén a do Concello, algo que agradecen de antemán.