Carballo | A Comisión de Festas da Milagrosa traballa para que se manteñan as tradicionais alfombras


A Comisión de Festas do barrio carballés da Milagrosa, que preside Luis Barca Añón, segue inmersa na preparación dos distintos actos e eventos que ten previsto celebrar ao longo deste ano 2023.
Así, á recente celebración do Entroido, conmemorando o RE-nacemento do Chorón, seguiranlle o II Xantar a Milagrosa 23 e a celebración das festas do barrio, A Milagrosa.
O II Xantar celebrarase o próximo 3 de xuño e o programa está xa moi avanzado.
As festas da Milagrosa, que se celebran no mes de setembro, tamén van dando os seus primeiros pasos. Un dos reclamos principais desta festa sempre foron as elaboradas e coloridas alfombras que cobren parte as rúas do barrio.

A renuncia, o pasado ano, de parte da comisión encargada de elaboralas pode supoñer a desaparición de tan apreciada e valorada tradición. Por iso a Comisión de Festas, en reunión celebrada o pasado venres, acordou tentar activar esta iniciativa que baixo o seu punto de vista non debe desaparecer.
Para iso, acordaron convocar a todas as persoas que en anos anteriores colaboraron na preparación e elaboración das alfombras a unha reunión que se celebrará este venres, día 10, ás 20.00 horas na Escola de Arrabaldes, co fin de ver as posibilidades reais de poder levar a cabo tan arduo pero á vez gratificante traballo.
Ao mesmo tempo, desde a Comisión convídase a todas aquelas persoas que queiran sumarse a esta iniciativa que tanto e tan ben valorada está por parte de todos, para que acudan á devandita reunión.