A Concellaría de Igualdade do Concello de Carballo abre o prazo de solicitude de praza no programa Concilia, que ofrece ás familias a posibilidade de deixar aos nenos e nenas nos colexios participantes a partir das 07:00 horas, facilitando deste xeito a conciliación familiar e laboral.
Este ano, debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19, adáptanse as normas de funcionamento e limítanse as prazas. O desenvolvemento do Concilia está ligado ao funcionamento dos centros educativos e suxeito á normativa sanitaria vixente en cada momento, o que significa que no caso dunha hipotética suspensión da actividade lectiva, como sucedeu o curso pasado, tamén deixaría de prestarse o servizo.
O prazo de matrícula estará aberto ata o 24 de agosto. A adxudicación provisional de prazas farase pública o día 28, e a listaxe definitiva publicarase o 4 de setembro. No caso de que queden prazas vacantes abrirase un novo prazo de solicitude a partir do 15 de setembro.