Carballo | A feira da Milagrosa manterá a distribución das últimas semanas, pero con postos reducidos


A feira da Milagrosa de Carballo está a sufrir con especial incidencia as consecuencias das medidas de prevención da COVID-19. Nas últimas semanas téñense celebrado varios encontros entre representantes do sector da venda ambulante e do Concello de Carballo para ir modificando e adaptando o mercado ás restricións vixentes en cada momento. A última xuntanza tivo lugar este venres, e rematou co acordo de manter a mesma distribución das últimas semanas pero con postos reducidos.

Deste xeito, os postos de dez metros quedarán reducidos a seis e os de seis, a catro, o que axudará a 150 familias a manter a súa actividade. A Orde pola que se establecen medidas específicas de prevención do coronavirus que publicou a Xunta de Galicia esta mesma semana ofrece aos concellos a posibilidade de articular medidas para compensar ás limitacións que afectan ás feiras. Na Praza do Concello xa está fixada unha distribución que garante as distancias de seguridade, e no Campo da Feira tamén se cumprirán coa redución do tamaño dos postos.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane, que participou na xuntanza cos vendedores ambulantes, agradeceu a colaboración e a boa disposición do sector á hora de adoptar as medidas que sexan precisas para que as feiras de Carballo sexan sempre feiras seguras. Neste sentido lembramos que tanto vendedores coma compradores deben respectar as medidas de prevención da COVID-19, utilizando mascarillas, realizando unha hixiene axeitada de mans, evitando tocar os produtos e respectando as distancias.