- O goberno municipal tamén propón a redución da taxa pola recollida de lixo para todo o sector hostaleiro, hospedaxes e axencias de viaxes
Os establecementos de hostalaría de Carballo non pagarán o próximo ano a taxa pola ocupación de solo público con terrazas. A modificación da ordenanza que permitirá aplicar a exención, por segundo ano consecutivo, forma parte das propostas que presentará o goberno municipal do BNG no pleno ordinario do luns, 30 de novembro.
O obxectivo destas medidas, presentadas este venres polo alcalde Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, é reducir a presión fiscal dos negocios máis afectados pola crise da COVID-19. Outra medida, de aplicación a todo o sector da hostalaría, así coma a hospedaxes ou axencias de viaxes, será a redución da taxa pola recollida de lixo ata un máximo do 50%.
No caso do lixo, o rexedor explicou que o importe desta taxa está establecido en función dos custes do servizo de recollida e do tratamento, cada un dos cales supón, aproximadamente, o 50%. A supresión desta taxa suporía un gasto «que debería asumir o conxunto da cidadanía», explica Ferrero, pero no «caso das terrazas non existe ese gasto, polo que se pode aplicar a exención total”.
En relación co sector económico, no pleno do luns tamén será debatida unha moción do PP sobre axudas á hostalaría e outra sobre a creación de mesas de hostalaría e comercio. O PSOE tamén presentou unha moción, neste caso relativa á sanidade.