Carballo | A hostalería sae á rúa para pedir apoio


Este luns ás 4 da tarde estaba convocada unha concentración do sector hostaleiro na zona da Ponte da Pedra, en Carballo. O motivo era facerse oir ante o que cualifican de “clamoroso silencio de todas as administracións” en atención ás súas reivindicacións. Ás 16:30 horas partía a marcha en dúas filas de persoas separadas desde a zona do HiperGadis da rúa Perú con destino á rúa Vázquez de Parga, Camiño Novo, Praza de Galicia, Coruña e con chegada á Praza do Concello, tras un percorrido de pouco máis dun quilómetro, durante o traxecto foron apoiadas tamén polo persoal de diferentes tendas e comercios que se atopaban ao paso e que neses momentos estaban abertos.

313 persoas foron detectadas por un medidor de aforo intelixente instalado na confluencia da rúa Coruña coa Praza de Galicia, aínda que ao final superaríase esa cifra de asistentes. Á súa chegada á Praza do Concello o presidente da asociación de hostalería de Carballo, Juan Pazos, leu un manifesto de agradecemento aos asistentes e reinvindicativo para todas as administracións.

Pazos afirmou que “o sector está coa auga ao pescozo, sen ningunha axuda autonómica, provincial nin municipal”, criticando que todos venden fume, e que os hostaleiros non son de dereitas nin de esquerdas, simplemente necesitan sobrevivir. “Hai pouco que fomos a votar, e entre todos conseguimos meter dous deputados carballeses no Parlamento. Daniel Pérez e Rubén Lorenzo, é o voso momento, o momento de dar un golpe na mesa e facer legais as axudas, do mesmo xeito que a Xosé Regueira, necesitámosvos aos tres, dar un paso adiante, necesitámosvos”, afirmou Juan Pazos. Tamén nomeou e pediu axuda para o lecer nocturno, para o pequeno comercio e os feirantes, “aos que lles pechan as feiras, deixando abertos os centros comerciais”. Por iso, en nome do colectivo, solicitou “axudas e solucións xa, para todos”.

Declaración de Juan Pazos, presidente da asociación de hostalería de Carballo.