Carballo | A programación de Apego arrinca coincidindo coa Semana da Mobilidade

3 minutes read

Carballo/ A presentación conxunta das actividades de Apego e da Semana da Mobilidade é un exemplo da transversalidade que debe impregnar as políticas municipais, como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, e ratificaron as intervencións tanto da concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, coma do concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane.

Esa transversalidade, de feito, reflíctese xa na primeira proposta da programación de Apego para o último cuadrimestre do 2025, un circuíto de seguridade viaria para nenos e nenas de ata 6 anos de idade que se celebrará o mércores 18 na planta alta do mercado municipal, pero tamén noutras actividades como Chapuzando en familia, na que está implicada a Concellaría de Deportes e que, como apuntou Ángeles Pacoret, “ten moitísimo éxito entre as familias”:

A concelleira de Normalización Lingüística puxo en valor a boa acollida do programa Apego entre as familias carballesas, máis de 350 xa, e destacou a importancia de que o noso idioma forme parte da vida dos nenos e das nenas desde que nacen. “Medrar con Apego significa medrar en galego”, apuntou.

Desde o circuíto de seguridade viaria do próximo mércores ata a Foliadiña de Nadal, que pechará a programación o venres 26 de decembro, haberá actividades “moi variadas”, desde un obradoiro de masaxes ata un paseo polos xardíns de outono, contacontos e mesmo unha actividade científica para peques en colaboración coa UDC. En definitiva, unha proposta moi completa para as crianzas de 0 a 6 anos e as súas familias, que poderán inscribirse a través de www.carballo.gal

Evencio Ferrero, que lembrou que Carballo foi o berce do programa Apego, presente hoxe en numerosos concellos galegos, destacou a importancia dos recursos que pon a disposición das familias. E tamén pensada para as familias chega unha nova edición da Semana da Mobilidade, que este ano inclúe actividades desde o 15 ata o 21 de setembro e que, como en edicións anteriores, conta coa colaboración de entidades como a Asociación de Veciños Santiago Apóstol de Sísamo, Íntegro e Senda Nova.

O concelleiro de Mobilidade quixo agradecer expresamente esa colaboración ano tras ano, ao tempo que animou á veciñanza non só a participar activamente nas andainas, rutas en bicicleta, xogos e mesmo actuacións musicais previstas para estes días, senón, moi especialmente, a implicarse na reflexión colectiva sobre o espazo urbano que propoñemos este ano.

Esa reflexión vaise concretar en varias actividades. Por unha banda, a exposición Arquitectura e memoria, que inclúe unha vintena de acuarelas de edificios carballeses pintadas por Martín Garrido Porto. A mostra será inaugurada o martes 16 nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, e está directamente relacionada con outras dúas actividades previstas para o xoves 18: a presentación do traballo de fin de grao Vivenda social en Carballo 1950-1970: as casas baratas, de Aldara García Vecino, e unha ruta guiada por Xaime Díaz Alonso.

Por outra banda, o venres 19 celebrarase na Biblioteca Rego da Balsa unha sesión de presentación do plan director dos barrios da Granxa e O Hospital, un documento similar ao que se elaborou no seu día para a contorna do balneario e que se concretou nas actuacións urbanísticas realizadas nese ámbito.