En Arteixo, Laxe ou Vimianzo, por falar de proximidade, están a realizar cribados masivos entre a súa poboación. Algo moi necesario mentras non nos queiramos decatar de contemplar a necesidade dun confinamento total a toda a actividade non esencial. Carballo está camiño dos 400 casos, só a residencia de maiores DomusVi, ubicada no barrio de San Cristovo, ten preto de 100.
Con este panorama á vista, a agrupación municipalista Xuntos Carballo emitiu un comunicado mediante o cal lle solicita as autoridades políticas e sanitarias competentes que fagan o posible para que a conselleria de Sanidade proceda á realización de test masivos en Carballo, unha vez vista a incidencia desbocada de casos na vila. desde a formación afirman que «algo non se está a facer ben, desde o principio da pandemia, porque non imos a menos senón a máis. Moitas e variadas poden ser as causas, empezando pola irresponsabilidade individual, condutas incivicas, mal emprego dos tapabocas….ata a falta de control para facer cumprir as normas».
O Concello da Laracha facía o mesmo chamamento de cribado masivo para a súa poboación este venres.
«O que queda claro e que coa hostalaría prácticamente pechada (que parece que era a causante de todos os males) e a actividade baixo mínimos a enfermidade non para de espallarse. Cumpre pois máis cedo ca tarde poñer todos os mecanismos a funcionar para parar o virus, empezando polas restricións no propio concello en canto a emprego de espazos públicos, parques…e reducir o mínimo a interación social», conclúen desde Xuntos Carballo.