Carballo | A RAG proporá á Xunta a utilización do topónimo Verdillo

1 minutes read
  • A Real Academia Galega expón nun informe que esta forma está xustificada polo seu gran uso durante a Idade Media

O Concello de Carballo retomou hai unhas semanas os consellos parroquiais e no celebrado este xoves en Berdillo comunicouse que a Real Academia Galega proporá á Xunta de Galicia a utilización do topónimo Verdillo, a opción máis utilizada pola veciñanza a pesar de que a oficial é a escrita coa letra b.

No ano 2018 presentouse por parte do consello parroquial unha proposta para investigar a orixe do nome e poñer fin á histórica discusión. O Concello de Carballo trasladou a solicitude á Comisión de Onomástica da Real Academia Galega e este xoves fíxose pública a conclusión: é Verdillo, non Berdillo.

Chegar a este punto foi posible tras un pormenorizado estudo realizado por membros da Comisión de Onomástica, asinado por Xosé María Lema Suárez, que se remontaron á primeira metade do século XV na súa investigación para determinar a grafía correcta. A Real Academia Galega explica que «na Idade Media o uso de b/v adoita ser etimolóxico, ata que a finais da Idade Media desapareceu a diferenza fonolóxica entre eses dous sons» e os topónimos empezan a aparecer coas dúas grafías indistintamente. «A grafía de b ou v só é indicativa do étimo se aparece consistentemente na Idade Media», din os expertos, e deste xeito estaría xustificada a forma Verdillo.

Agora falta oficializar o cambio. A toponimia de Galicia é competencia da Xunta, pero a RAG é a entidade que asesora ao goberno autonómico, polo que será quen propoña que se utilice Verdillo en vez de Berdillo. Iso si, ata que a proposta sexa aceptada, a grafía oficial será con b.