Carballo | Rematadas as obras do novo centro social de Aldemunde

1 minutes read
  • O próximo centro será o da parroquia de Goiáns, para o cal xa está aprobada a modificación urbanística do lugar no que será construído

A rede municipal de centros sociais no concello de Carballo segue estendéndose polo territorio unha vez finalizadas as obras de reforma da antiga escola unitaria de Aldemunde. O edificio, que estará a disposición da veciñanza tan pronto como a situación sanitaria o permita, conta cun tellado novo e ventás, ademais dun aseo adaptado. O investimento da reforma acadou os 25.865,15 euros, que se suman aos 100.000 que o goberno local destinou ao acondicionamento da praza e a mellora da accesibilidade ao edificio.

O obxectivo do Concello de Carballo é que a rede de centros sociais chegue a todas as parroquias. A única que carece dun equipamento deste tipo nestes momentos é a de Goiáns, pero xa está aprobada de maneira definitiva a modificación urbanística do ámbito no que será construído e o próximo paso será a redacción do proxecto, consensuado co movemento asociativo da parroquia.

Este ano remataron tamén as obras dos centros sociais de Bértoa e Lema, nas que o se investiron case 600.000 euros e que, por culpa da crise sanitaria, están tamén pendentes de apertura.