Carballo | A rúa Rosalía de Castro xa conta cunha placa de cor violeta como símbolo da igualdade

Cedida

  • O Concello de Carballo escolleu o Día de Rosalía para iniciar un programa de accións simbólicas que se estenderán ata o 8 de marzo, Día da Muller

A rúa Rosalía de Castro conta, desde este mércores, cunha placa identificativa de cor violeta en honor á loita pola igualdade. O Concello de Carballo, aproveitando que na xornada de onte de celebraban 184 anos do nacemento da escritora, símbolo do feminismo e do rexurdir da cultura galega, decidiu iniciar unha serie de actos simbólicos que se estenderán ata o Día de Muller. O alcalde, Evencio Ferrero, comezou a súa intervención lembrando a súa relación con poeta galega dende a infancia e cualificouna como “unha auténtica vangardista, feminista, e unha das grandes autoras do país, do Estado, europea e universal”.

A concelleira de Igualdade, Maica Ures, explicou que este ano conmemorarase o Día da Muller, 8 de marzo, a través de “elementos simbólicos do mobiliario urbano como o cambio das placas das rúas dedicadas a mulleres”. Dentro dese simbolismo encaixa á perfección o 24 de febreiro, Día de Rosalía, “defensora da lingua e do feminismo”.

O acto continuou coa intervención da concelleira Maruxa Suárez, que recitou un poema dedicado por Alfredo Brañas á escritora con motivo da súa morte, e a actuación musical do gaiteiro Fernando Nieto.

Nos vindeiros días iranse substituíndo os letreiros das outras 12 rúas carballesas dedicadas ás mulleres que traballaron pola igualdade, e arredor do 8 de marzo levaranse a cabo outras accións como unha concentración telemática a través da plataforma carballoenrede.com.