- Operarios municipais e unha empresa especializada repasan día a día diferentes puntos da zona urbana e rural.
Edificios públicos, colectores do lixo, parques, contornas dos comercios e establecementos que están a prestar servizos esenciais, mobiliario urbano, son algúns dos espazos desinfectados. O persoal dos servizos municipais de limpeza viaria e xestión dos RSU e unha empresa especializada contratada polo Concello de Carballo están a traballar na desinfección, a limpeza e os baldeos diarios de toda a zona urbana e, con menor intensidade, tamén na zona rural. O obxectivo é contribuír, xunto ás medidas persoais de hixiene, distancia social e confinamento, a unha maior protección da veciñanza fronte ao COVID-19. Mostras de agradecemento nas redes sociais animan ao persoal a seguir traballando para terminar coa pandemia canto antes.