- Situado nas inmediacións da igrexa de San Miguel, serviría tanto para as celebracións das festas como para aparcadoiro nos días de actos eclesiásticos
O consello parroquial de Vilela celebrou esta semana a súa primeira xuntanza tras o inicio da pandemia e o tema central da reunión xirou arredor do proxecto para o acondicionamento dun espazo público na contorna dun pombal situado nas inmediacións da igrexa de San Miguel. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou que o documento está pendente da revisión de prezos, imprescindible dado o aumento do custo dos materiais, e que é intención do goberno municipal financiar a obra con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais. Nunha reunión previa entre a veciñanza, abordáronse posibles usos para o espazo sendo o máis votado que funcione como praza polivalente, tanto para a celebración das festas como para aparcamento nos días de actos eclesiásticos. Por parte do Concello de Carballo acatarase a decisión popular.
Outra das prioridades dos veciñanza é a despregadura das redes de auga e saneamento. O rexedor aclarou que as obras pendentes na parroquia de Vilela forman parte do proxecto que está a elaborar Augas de Galicia para a zona de Baldaio pero que, tras de dous anos, aínda non se entregou no Concello. Evencio Ferrero anticipou que será un investimento moi cuantioso, por riba dos tres millóns de euros probablemente, e que de non existir cofinanciamento por parte da Xunta de Galicia será o Concello o que teña que acometer a execución das obras por fases.
Entre outras peticións relacionadas con distintos servizos públicos, na xuntanza falouse tamén sobre a mellora do Centro Social. Xa están previstos tanto o acondicionamento do aseo como o arranxo da parede para a colocación dun espello, e tamén se está traballando no proxecto de ampliación cara o parque infantil.