Carballo | A Xunta de Goberno Local adxudica obras por máis de 700.000 euros

2 minutes read
  • Iniciouse o expediente de contratación do servizo de roza das vías de todas as parroquias para os vindeiros cinco anos

A Xunta de Goberno Local de Carballo adxudicou, na sesión ordinaria deste luns, unha serie de obras e servizos nos que se realizará un investimento de máis de 700.000 euros. Entre eles, o contrato de subministro de calefacción con destino a diversas instalacións municipais; e o contrato administrativo mixto de subministro e obras de conexión aérea de puntos de luz no alumeado público das parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Xoane, que recaeu na empresa Técnica 4 Ingeniería y Montajes S.L. por 83.105,14 euros.

Na Xunta tamén se acordou actuar na mellora da capa de rodaxe da vía de Xoane ao Piñeiro, na parroquia de Goiáns, incluída no Plan Único POS+. A actuación foi adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 84.458 euros. Tamén se acometerán, por un orzamento de 281.022,50 euros, obras de conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza. Os traballos serán executados por Vázquez y Reino.

O servizo de limpeza nos colexios públicos de infantil e primaria, escolas unitarias e escolas infantís, tamén foi adxudicado ao centro especial de emprego Aspaber por máis de 285.000 euros, aínda que se prevé unha posible modificación no CEIP A Cristina por case 28.000 euros, así como unha hipotética ampliación do servizo ás escolas de Sísamo, Xoane e Cances, que suporían algo máis de 20.000 euros a maiores.

Contratos de roza de vías e espazos públicos
Ademais, a Xunta de Goberno Local iniciou o expediente de contratación do servizo de roza das vías por un ano, con posibilidade de catro prórrogas anuais a maiores. O contrato divídese en dous lotes: no primeiro figuran todas as vías das parroquias incluídas no inventario municipal; no segundo están incluídos os espazos urbanos e de uso público do concello. Para a limpeza da rede viaria municipal establécese un orzamento anual de 71.958,41 euros (359.792,05 para os cinco anos), mentres que para os espazos públicos calcúlanse 48.002,50 euros ao ano (240.012,46 para os cinco anos).

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén deu o visto bo ao convenio de colaboración coa ADC Voleipraia Costa da Morte para o financiamento das escolas deportivas de volei-praia con 4.500 euros. Así mesmo, foron aprobadas facturas por importe de 71.840,64 euros, devolución de avais, licenzas urbanísticas e, fóra da orde do día, a transmisión dunha licenza de taxi.