Carballo | A zona da Cristina xa conta con 130 novos aparcadoiros gratuítos

1 minutes read
  • Con este novo espazo, na contorna do Pazo da Cultura poderán estacionar máis de 600 vehículos

Xa están operativos os novos aparcamentos gratuítos na zona da Cristina. En total hai dispoñibles unhas 130 prazas, nunha parcela de 3.600 metros cadrados, situadas preto de edificios públicos e zonas comerciais. Con este novo espazo, na contorna do Pazo da Cultura poderán estacionar máis de 600 vehículos sen contar as prazas existentes nas propias rúas.

Nestes momentos están en marcha as obras de acondicionamento doutros dous espazos na rúa Gravador Facal, un deles no cruzamento coa rúa Vila de Negreira, que permitirán habilitar aproximadamente outras 50 prazas a uns metros da Praza do Concello.

A escasos minutos a pé do centro sitúase tamén a principal bolsa de aparcamentos da zona urbana, con máis de 800 prazas para vehículos repartidas nunha ducia de parcelas da contorna do Rego da Balsa. O aparcamento situado no exterior do Centro Comercial Bergantiños, neste caso en terreo municipal, é, coas súas 210 prazas, o máis grande de Carballo. O resto das prazas repártense polos barrios do Hospital, A Granxa, A Milagrosa, O Chorís, o San Martiño e o centro.

Mediante o sistema de comodato, que consiste na cesión provisional do solo por parte dos seus propietarios a cambio da exención de impostos, o concello de Carballo é «hoxe en día un referente en Galicia», sinalan desde o consistorio. Un modelo que xa se está a aplicar tamén noutros municipios.

Unha das condicións do comodato é que a propiedade pode recuperar o seu uso cando o precise. As persoas interesadas en ceder os seus solares mentres non os precisen para outro destino poden poñerse en contacto co Concello no 981704100 ou a través do enderezo electrónico infocarballo@carballo.gal.