Carballo | A zona da Ponte da Pedra contará en breve con tres novas rúas reurbanizadas

1 minutes read

Os traballos nas rúas Labarta Pose, Manuel Murguía e Otero Pedrayo, que encaran a recta final, permitiron renovar os distintos servizos urbanos, eliminando os tendidos aéreos de telecomunicacións, alumeado e electricidade, ademais de mellorar as infraestruturas do ciclo da auga. Neste sentido, o proxecto incluíu a substitución das vellas tubaxes de fibrocemento por unha nova rede de abastecemento, que permitiu pechar a malla nese ámbito, garantindo o subministro tanto dende Antón Fraguas coma dende Ponte da Pedra. Tamén se completou a rede de saneamento, e ademais instalouse a de recollida de augas pluviais, da que carecía a zona.

A actuación, ademais, permite avanzar na mobilidade sostible e na accesibilidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e o establecemento de plataforma única, limitando as áreas de estacionamento para fomentar a circulación peonil. Na zona oeste da rúa Labarta Pose creouse, de feito, unha zona exclusivamente peonil, que se complementará cunha zona verde. Ademais, entre as catro rúas plantáronse xa 38 árbores de distintas especies. O proxecto tamén inclúe a sinalización horizontal e vertical, e mobiliario urbano, que está previsto instalar nos vindeiros días.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación Urbana, Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, visitaron estas obras en marcha no ámbito integrado por estas rúas.