- Haberá un máximo de oito proxectos e o importe total ascende a 20.000 euros
Por sexto ano consecutivo ábrese unha nova convocatoria anual de Residencias Paraíso, o programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM en colaboración coa Axencia Galega de Industrias Culturais e diferentes concellos como o de Santiago, A Coruña, Lugo, Ferrol e Carballo ademais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas mentres se busca normalizar o concepto de residencia artística, «fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia», sinalan desde a organización.
Esta sexta edición diríxese a artistas de toda a península (incluíndo Portugal) e acollerá ata 8 proxectos en residencia cun importe total de 20.000 €. Cada residencia terá unha duración de 2 a 3 semanas nun dos espazos colaboradores que, pola diferente tipoloxía, favorecen o traballo das diversas fases dun proxecto artístico: dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico o a creación coreográfica, ata residencias de carácter técnico.
Por segundo ano o encontro anual de Residencias Paraíso terá lugar na Illa de San Simón os días 23, 24 e 25 de setembro de 2022. O encontro contará coa presenza do grupo de artistas residentes deste ano e outras persoas convidadas. Compartiranse as claves de cada experiencia en residencia e reflexionarase de forma conxunta sobre temas transversais á comunidade.
Un ano máis tamén terá lugar “Cruceiros Paraíso” un capítulo expandido do programa de Residencias Paraíso que serve para «tecer pontes con outros contextos e seguir brindando apoio ao tecido artístico galego ao longo do ano, máis alá da convocatoria anual», aseguran desde Colectivo RPM. Nesta ocasión, e grazas a colaboración co Auditorio de Galicia como institución coprodutora do programa, organizaranse dúas xornadas específicas o 7 e 8 de maio.
A convocatoria Residencias Paraíso 2022 estará aberta entre o 7 e o 28 de febreiro, e a selección final farase pública a finais do mes de marzo na web do Colectivo RPM.