Carballo | Aberto á circulación o primeiro treito da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo

1 minutes read

Este 24 de setembro quedou aberto ao tráfico o primeiro treito da vía municipal que enlazará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo, tal como está previsto no PXOM. O alcalde, Evencio Ferrero, foi o primeiro en realizar o percorrido, que polo momento remata na rúa Médico Justo Martínez.

O proxecto está dividido en catro fases. A fase 1A, que quedou aberta este mércores, abrangue o traxecto comprendido entre a rotonda do polígono e a avenida dos Abetos, así coma o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, que queda integrada no itinerario alternativo á estrada comarcal AC-552.

A actuación, executada pola empresa Vázquez y Reino por 541.218 euros, permitiu o acondicionamento dunha vía de 800 metros de longo e case 14 de ancho, que consta de dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, pola marxe dereita. Tamén se instalou iluminación e plantáronse 35 árbores.

Con respecto á fase 1B, a semana pasada realizouse o pago das expropiacións dos bens afectados. Este sistema tamén se utilizará para obter o solo necesario para a fase 1C. Está previsto iniciar o expediente este mesmo ano. Para a apertura da fase 1D, o Concello de Carballo ten asinado un convenio coa propiedade da parcela denominada Chousa do Muíño da Pintura para a cesión dos 3.604 metros cadrados de terreo. Por último, o solo preciso para o desenvolvemento da fase 1E, a máis próxima á avenida de Razo, xa é de propiedade municipal.