Carballo | Aberto, ata finais de novembro, o segundo período de cobro de impostos municipais

Concello de Carballo

  • No primeiro período superouse o 90% de recadación grazas á baixa presión fiscal, as facilidades de pago e ao «compromiso da cidadanía»

O Concello de Carballo abre este mércores, e ata o 30 de novembro, o segundo período de cobro de tributos municipais do ano 2021, que inclúen o IBI (Imposto sobre Bens Inmobles), o IAE (Imposto sobre Actividades Económicas) e a taxa de lixo comercial, cuxo pago se volveu adiar debido á crise sanitaria. Ademais, tal como acordou a corporación municipal na sesión plenaria celebrada o 30 de novembro de 2020, debido ás restricións na súa actividade pola pandemia os establecementos de hostalaría e viaxes desfrutan neste exercicio dunha bonificación do 37,5% na taxa do lixo, que xa se aplica de oficio nos recibos, polo que non terán que solicitala.

Os contribuíntes, que recibirán cartas informativas cos detalles das liquidacións, poderán realizar o pago dos recibos nas oficinas da Recadación Municipal, situadas na rúa Camiño Novo número 7, de luns a xoves de 09:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:30 horas e os venres pola mañá nas mesmas horas.

Balance do primeiro semestre
No primeiro semestre do ano xa se puxeron ao cobro os padróns do imposto sobre vehículos, lixo de vivendas e vaos. Segundo o informe provisional dos servizos económicos, as porcentaxes de recadación están en niveis previos á pandemia e mesmo superiores. En vehículos, por exemplo, puxéronse ao cobro preto de 20.000 recibos e xa se materializaron o 88,76%; en lixo de vivendas, con 18.300 recibos, xa se cobrou o 93,16%; e en vaos acadouse o 96,02%.

O alcalde, Evencio Ferrero, destacou a eficacia dos servizos de recadación e, moi especialmente, «a sensibilidade e o compromiso que temos os veciños e as veciñas de Carballo á hora de atender as nosas obrigas para co Concello», sendo porcentaxes «inalcanzables para a maioría dos concellos», asegurou.