- As propostas seleccionadas serán representadas no marco do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT)
A asociación cultural Telón e Aparte, organizadora do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), convoca a quinta edición do certame de micro-escenas Metro Cadrado en Carballo. Este é un concurso de proxectos escénicos de pequeno formato, cunha duración de entre 10 e 20 minutos, en apoio á creación emerxente. Ademais permite utilizar espazos que non están pensados a priori para obras teatrais e que serven de escenografía natural do espectáculo, favorecendo a captación de novos públicos e a implicación da cidadanía en proxectos escénicos.
Tal como figura nas bases da convocatoria, as pezas poderán ser orixinais ou estreadas, aínda que se terá en conta a autoría propia, a nova creación e, moi especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados: biblioteca, Alcaldía, palco da música, cafetaría, a pista de skate, a ponte sobre o río, o horto urbano, a aula de información empresarial, o balcón do Concello, o parque infantil e o de maiores, e a pista deportiva.
Así mesmo, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador da cultura dixital e a tecnoloxía, procurarase seleccionar cando menos unha proposta que se desenvolva ou na que teñan un peso moi claro os medios en liña ou virtuais.
Telón e Aparte destina ao certame un total de 3.000 euros. Cada unha das pezas seleccionadas polo xurado recibirá unha compensación económica de 450 euros. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votación e optarán a premios de 150 € á Interpretación e ao Espectáculo.