Carballo | Accidente con importantes danos e tres coches implicados

1 minutes read

Minutos antes das oito da tarde deste domingo tivo lugar un espectacular accidente de tráfico con cuantiosos danos materiais en tres turismos, dous deles en circulación e un terceiro que se atopaba estacionado. Os feitos ocorreron nun perigoso cruce onde conflúen as rúas Compostela, Emilio González López e José María Castroviejo. Un Audi A4 que presuntamente circulaba sentido entrada a poboación pola rúa Compostela chocou de forma violenta contra un Citroën Xsara na confluencia das tres rúas citadas con anterioridade, quedando este desprazado lateralmente na rúa José María Castroviejo. Mentres o Audi A4 golpeado continuaba por inercia o sentido da marcha tras o choque e colisionaba contra un turismo Ford estacionado á marxe da vía deixándoo atrás e indo parar uns vinte metros distanciado do cruce onde tivo lugar o primeiro impacto. En principio, sorprendentemente, ningún dos condutores resultou ferido de consideración, aínda que o condutor do Citroën Xsara foi atendido no punto por persoal sanitario que se achegou ao lugar nunha Ambulancia do 061, a onde tamén acudiron Protección Civil, Policía Local e Garda Civil de Carballo. Os veciños do lugar afirman que nese cruce os accidentes adoitan ser frecuentes, así como os evidentes excesos de velocidade. Cabe destacar que nese punto termina o límite de velocidade máxima a 50 Km/h e empeza o de 30 Km/h. Coincide tamén coa localización dun dos pasos de peóns intelixentes instalados recentemente.

O Audi A4 quedou no medio da rúa Compostela tras chocar na súa traxectoria cun Xsara e un Ford estacionado á esquerda_ L. Reborido.