Carballo | Accidente grave xunto á gasolineira de Rus

1 minutes read

O único ocupante do turismo, un mozo de 21 anos, natural da veciña parroquia de Entrecruces faleceu no sinistro.

Minutos antes das 8 da tarde deste venres tivo lugar un grave accidente de tráfico no quilómetro 4 da estrada DP-1914 que une Carballo con Portomouro, á altura do lugar de Barís, na parroquia de Rus. Un turismo Seat León que circulaba dirección Santiago saíuse da vía pola súa marxe dereita chocando violentamente contra un poste de formigón da iluminación pública e contra un turismo Audi aparcado á marxe da beiravía fóra da calzada. O impacto foi de tal magnitude que o Seat León saíu despedido contra o outro extremo da estrada quedando lateralmente envorcado co seu único ocupante, J.R.M., un mozo de 21 anos veciño da parroquia carballesa de Entrecruces atrapado no seu interior. Para retirar ao mozo do turismo foi necesaria, durante varios minutos, a intervención dos Bombeiros de Carballo cos equipos de excarceración. Ao lugar tamén acudiu unha ambulancia do 061, a Policía Local e Protección Civil de Carballo, así como a Garda Civil. Nese momento chovía con intensidade, pero investíganse as posibles causas do sinistro. No lugar do accidente a velocidade está limitada a 80 Km/h. A Garda Civil de Tráfico controla con frecuencia con equipos e vehículos rádar este tramo de estrada, que desde Carballo a Rus xa se cobrou a vida de varios mozos nos últimos anos.

Estado dos turismos tras o accidente.