Carballo, presente no encontro «Mulleres e cultura urbana» da Cidade da Cultura

1 minutes read
Cedida
  • O evento celébrase este venres e sábado

A Cidade da Cultura de Galicia acolle do 3 ao 4 de setembro o encontro Mulleres e Cultura Urbana, un evento impulsado por 7H Cooperativa Cultural co apoio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que procura fomentar o intercambio de experiencias, a creatividade colectiva e o espírito crítico na abordaxe das desigualdades de xénero no sector. Esta segunda edición do encontro busca consolidar a iniciativa e convertela en referente iberoamericano na promoción da cultura urbana como patrimonio cultural contemporáneo desde unha perspectiva innovadora e feminista.

O programa de actividades, dirixido tanto a profesionais do sector como ao público mozo e familiar, combina propostas de experimentación creativa nos eidos do graffiti, a música, o baile e o deporte co diálogo, a reflexión e o intercambio de experiencias.

O encontro divídese en dúas xornadas que se complementan, unha de carácter teórico e formativo (o venres no Auditorio 1 Edificio CINC) e outra orientada á creación experimental e cun espírito máis lúdico (o sábado, no Xardín do Teatro). Na primeira delas estará presente o proxecto de arte pública do Concello de Carballo, do que falará a técnica de Turismo, Maite Parga.