Carballo acolle a exposición itinerante ’50 anos cambiando a historia do cancro’  


A planta alta do Mercado Municipal acollerá do 1 ao 16 de setembro a exposición 50 anos cambiando a historia do cancro, unha iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro que recolle os fitos máis relevantes do último medio século de investigación que contribuíron a lograr grandes avances no diagnóstico e no tratamento do cancro. 

A inauguración da mostra realizarase o día 1, ás 19.00 horas, cunha conferencia de Andrea Rodríguez, investigadora predoctoral da Asociación Española contra o Cancro na Coruña e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic). No acto, de asistencia libre, participarán representantes da Xunta Local da AECC e do Concello de Carballo, que colabora coa entidade para o desenvolvemento desta iniciativa.