Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló trae a Carballo a mellor representación da arte do século XX español e converte a Sala Alberto Gende do Pazo da Cultura nun auténtico museo digno de pezas de artistas como Miró, Dalí, Chillida, Luis Seoane ou Maruja Mallo. Da importancia da obra que pode verse ata o día 27 de novembro (luns a sábado, de 16.30 a 21.00 horas) falou o alcalde, Evencio Ferrero, na visita institucional celebrada, na que tamén participaron Marcos Trigo, concelleiro de Cultura; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador institucional de ABANCA na Coruña; María Teresa Cores, coordinadora de Cultura de Afundación; Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación, e Manuel Facal, gravador carballés que conta con dúas obras na mostra.
Esta exposición enmárcase na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.