- A iniciativa, organizada polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas, convoca a 16 municipios pero tamén a comerciantes e empresarios
Carballo será a sede da primeira das seis xornadas sobre o papel da enxeñería civil na xestión sustentable dos concellos organizadas polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Obras Públicas para os meses de maio e xuño, en colaboración coa Deputación da Coruña, a Asociación Mundo Atlántico e, neste caso, o Concello de Carballo. A cita será o 5 de maio no Fórum.
O obxectivo da sesión é informar sobre o papel que xoga a enxeñería civil á hora de elaborar proxectos susceptibles de recibir financiamento europeo, especialmente nestes momentos nos que están sobre a mesa os fondos NextGenerationEU.
Para a xornada de Carballo están convocados os concellos de Malpica, Ponteceso, Coristanco, Tordoia, Cerceda, A Laracha, Ordes, Santa Comba, Zas, Vimianzo, Laxe e Cabana de Bergantiños. A parte das administracións locais, a iniciativa tamén vai destinada a asociacións de empresarios e comerciantes. Máis información no correo eventosgalicia@citop.es.