A música tradicional galega soará durante toda a mañá deste domingo nas rúas de Carballo ao tempo que se celebrará o Día sen Coches con multitude de xogos para os pequenos da casa. Será a última actuación da xira que está a realizar por Galicia a banda de gaitas Irmandade, pertencente ao Centro Social, Cultural e Deportivo Bolos de Val Miñor de Montevideo (Uruguai) para celebrar o seu 20º aniversario.
Os integrantes da agrupación foron recibidos na casa do concello polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez, e o concelleiro de Feiras e Mercados e Contratación, Ramón Varela. Ao acto sumouse tamén Alberto Liñares, de Nemeth. En Carballo rematarán este domingo o percorrido que os levou xa por Gondomar, Nigrán, Baiona, Porriño e Laxe.
A banda de gaitas Irmandade estará moi ben acompañada durante a súa estadía en Carballo. Sobre as 12.30 sairá en pasarrúas pola contorna da Praza do Concello acompañada pola Banda Municipal de Gaitas, Nemeth e Arume, e ao remate participarán nunha foliada na propia praza á que poderá sumarse o público que o desexe.