Carballo acolle este sábado a entrega dos Premios Youtubeiras


Este sábado ás 20.00 horas celebrarase no Pazo da Cultura de Carballo a gala de entrega dos Premios Youtubeiras 2022. Un total de 22 propostas finalistas aspiran a gañar este concurso nalgunha das súas oito categorías: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. O certame repartirá 7500 euros en premios entre as persoas gañadoras, que tamén recibirán un diploma acreditativo e unha medalla simbólica deseñada para a ocasión por Nahuel Pérez.

“Para Carballo é unha gran satisfacción celebrar esta gala, xa que os Premios Youtubeiras son unha iniciativa que fomenta o uso da nosa lingua nunha xanela fundamental para comunicarnos, para mirarnos e para mirar o futuro: a creación de contidos na Rede”, sinalou Marcos Trigo, concelleiro de Cultura e Deportes de Carballo, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras; Cristina Collazo, guionista e presentadora da gala, e Mario Brión (Olaxonmario), gañador do Premio Youtubeira/o en 2021 e membro do xurado.