Carballo acolle este venres a presentación do manual de boas prácticas na xestión das artes visuais

1 minutes read
  • O evento celebrarase ás 19.00 horas no Pazo da Cultura

Carballo converterase este venres na sede da presentación do Manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais, un proxecto impulsado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxo obxectivo é poder «dotar ao colectivo de profesionais da xestión cultural de pautas para desenvolver proxectos que atendan á lexislación vixente e aos elementos chave da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable», sinalan desde o consistorio.

O primeiro manual publicado foi dedicado ás boas prácticas para espectáculos ao vivo, que tivo unha excelente acollida no colectivo. Agora, desde a asociación profesional presentan unha nova guía para o traballo nas artes visuais, un conxunto de manifestacións culturais que están a gañar unha maior atención por parte dos públicos, con novas disciplinas de creación e novos xeitos de gozo, algúns deles vencellados aos avances dixitais.

Na presentación, prevista para este venres ás 19.00 horas no Pazo da Cultura, intervirán o deputado de Cultura na Deputación da Coruña, Xurxo Couto; o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo; Clara Rodríguez, de 7H Cooperativa Cultural (autora do manual); e Marcos Trigo, concelleiro de Cultura de Carballo.

Para asistir só é preciso confirmar asistencia no correo electrónico info@xestoresculturais.gal.