Carballo acolle variedade de actividades na Biblioteca Rego da Balsa

Biblioteca Rego da Balsa

A Biblioteca Rego da Balsa volve a reinterpretar o concepto de biblioteca para ofrecernos un programa de actividades variadas, entretidas, participativas e mesmo sorprendentes. Durante todo o que queda do inverno, un feixe de propostas culturais para todas as idades atoparán acubillo no fermoso edificio branco dende o que, ademais de lectura e moita máis cultura, agárdante unhas vistas privilexiadas da concorrida skate-praza situada ao seu carón.
Para que desfrutes tanto fóra coma dentro, este inverno dende a Concellaría de Cultura crearon unha zona de confort á túa medida, porque, teñas a idade que teñas, teñen actividades para ti.
Para os/as máis peques, todos os mércores chegan cargados de historias novas que contar (e ás veces cantar) os ratiños de Lonxedetodo. E este ano tamén van especialmente orientadas cara o público infantil as actividades das Xornadas Guerrilleiras, unha proposta da Concellaría de Igualdade e Benestar, a través do CIM, que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que, arredor do 8 de marzo, achegaranos as actividades que figuran no cartel e moitas máis.
Para a rapazada un pouco máis maior, a Biblioteca Rego da Balsa acollerá neste trimestre obradoiros de robótica e lectoescritura en francés, este último grazas á colaboración da Asociación de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain, que ademais continúa co seu club de lectura en francés. Se che gusta ler e comentar as túas lecturas, ademais de facelo en francés podes facelo en galego ou en castelán no club de lectura da propia biblioteca, ao que podes unirte cando queiras.
Se o que che gusta é a música, tamén haina. Volve o Curruncho Pop cos seus concertos para gozar en familia. E ollo ás primeiras propostas, porque o 15 de febreiro reunirán a Huguette Periscal, Blues Chico & Maraya Zydeco nunha tarde-noite para a lembranza, e o 28 de marzo na Biblio, todo un referente musical a nivel estatal: nin máis nin menos que o ex Duncan Dhu Diego Vasallo.
O público xuvenil e adulto ten moito que facer este inverno na Biblioteca Rego da Balsa, porque ademais dos concertos do Curruncho Pop, este mes segue o ciclo de cinema euroárabe Amal en Ruta, os xoves ás 20.30 horas e para maiores de 16 anos.
E tamén se falará moito de tecnoloxía. Para maiores de 18 teñen preparado un obradoiro sobre redes sociais, e para mamás e papás, outro sobre o manexo das tecnoloxías na infancia.
Bótalle unha ollada á programación detallada que atoparás máis abaixo e non esquezas reservar o teu convite para as actividades que o precisan. Por certo que todas son de balde.