Carballo acollerá Bercamel o 10 de setembro, unha feira promocional da apicultura

A primeira feira do mes de setembro en Carballo terá un atractivo engadido, porque xunto aos mellores produtos da horta bergantiñá, na Praza do Concello haberá un espazo específico dedicado ao mel. A Asociación Galega de Apicultura (AGA), a través da súa delegación na comarca, organiza a segunda edición da Feira Bercamel para seguir afondando en cuestións de interese para as persoas que se dedican á produción pero tamén de difundir as excelencias do mel entre toda a poboación. O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Feiras e Mercados, colabora coa iniciativa. 

A feira do mel estará aberta de 09.00 a 14.00 horas na Praza do Concello, onde convivirá coa feira tradicional e tamén coa Feira de Oportunidades que organiza a Concellaría de Promoción Económica coa colaboración da Deputación da Coruña e o Centro Comercial Aberto. 

No espazo Bercamel haberá distintos contidos: charlas informativas de especial interese para os/as produtores/as, demostracións e degustacións. O programa complétase cun sorteo de dúas cestas con produtos da feira entre todas as persoas que realicen algunha compra. 

  • 11.00 horas. Información sobre o número de raíñas de avespa velutina capturadas durante a campaña de trampeo 
  • 12.00 horas. «Etiquetado do mel», a cargo dun veterinario de AGA 
  • 13.00 horas. Demostración da elaboración das láminas de cera para as colmeas 
  • 13.30 horas. Degustación de meles cinco estrelas 
  • 13.50 horas. Sorteo de dúas cestas de produtos apícolas. As rifas entregaranse con cada compra 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha