A PLIC é a única feira literaria de Galicia que se celebra dentro dunha feira tradicional tan antiga e importante como é a de Carballo. Por iso a presentación foi realizada en pleno mercado deste xoves. Onde os produtos gastronómicos da terra terán un papel moi destaco, e por iso o xoves 6 de xullo todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pack de atún Calvo, e o domingo 9, día de feira e de despedida da Praza dos Libros, os libreiros e as libreiras entregarán un moletiño de pan de Carballo con cada venda.
O sector ofrecerá durante os catro días un 10% de desconto en todos os títulos, e ademais con cada libro entregarán unha tarxeta rasca coa que poderán conseguirse premios directos: libros, mochilas, bolígrafos, chaveiros… As casetas estarán abertas ao público de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, polo que non hai escusa para non achegarse ata o corredor central da Praza do Concello.
O evento presentárono este xoves o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Chano Calvo, e representantes das librarías e editoriais que participarán na PLIC, que nesta edición serán Trasgo, Teldy, Brañas Verdes, Clarión e Espiral Maior Foro, de Carballo; Á lus do candil, de Arteixo; A gata tola, de Santiago, e Caldeirón, de Malpica.