Carballo acollerá en outubro o 8º congreso ‘Cidades que Camiñan’

Concello de Carballo

  • No evento poñeranse en común cuestións de mobilidade, sostibilidade e urbanismo

Xa hai data para a celebración do 8º congreso ‘Cidades que Camiñan’ que terá lugar en Carballo. Os días 7 e 8 de outubro a capital de Bergantiños será un punto de encontro para 63 cidades de 3 países que integran actualmente a Rede de Cidade. Sen embargo, aínda é posible unirse a esta iniciativa, cubrindo o formulario que proximamente estará dispoñible en ciudadadesquecaminan.org.

Este martes déronse a coñecer os primeiros detalles do congreso nunha presentación telemática na que participaron a secretaria técnica da ‘Rede de Cidades que Camiñan’, Ana Montalbán; o presidente da Rede e alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lore; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Baixo o lema ‘Andando enténdese á xente’, o programa buscará a forma de «facer mellores as nosas cidades para camiñar e para estar na rúa, para a recuperación do espazo público para as persoas, en definitiva», subliñou Montalbán.

O 7 de outubro pola tarde celebrarase a asemblea xeral das cidades da Rede, e o 8 abriranse as portas do Pazo da Cultura para recibir a todas as persoas que queiran achegarse e participar nas actividades previstas. A sesión inaugural, como avanzou Fernández Lores, correrá a cargo de Pedro Torrijos, arquitecto, urbanista e divulgador cultural con moitísima presenza en redes sociais. No espazo tamén haberá lugar para máis expertos en urbanismo, mobilidade e sostibilidade, e «poremos en común as experiencias de distintas cidades que camiñan en cuestións como os límites de velocidade, a ocupación do espazo público ou as zonas de baixas emisións, que están agora mesmo na carteira de moitas cidades», destacan desde o Concello de Carballo.


O presidente da Rede e alcalde de Pontevedra agradeceu a acollida do concello carballés e animou á hostalaría local a facer «un esforzo especial» para converterse en escaparate para todas as persoas que visitarán a vila.

Ademais de compartir o desexo do seu homólogo, Evencio Ferrero destacou a importancia dos encontros presenciais para «intercambiar pareceres, sacar alternativas e resolver problemas», lembrando que a organización deste 8º congreso é unha das oportunidades que fixo posible «a concesión ao noso concello, no ano 2018, do Premio Cidades que Camiñan na categoría de concellos de 20.000 a 100.000 habitantes».