Carballo acollerá este mércores o ciclo literario 70minutos.con

1 minutes read
  • Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial protagonizarán un encontro literario na Biblioteca Rego da Balsa, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación Provincial da Coruña.

Trátase dun ciclo de encontros onde se leva a cabo unha análise sobre a nosa literatura contemporánea en presenza e conversa cos seus autores e autoras.

Son 70 minutos de divulgación e palabra creativa: por unha banda, un achegamento á diversidade e excelencia que atravesa hoxe a literatura contemporánea a través de voces expertas capaces de contextualizar, definir e debullar as súas circunstancias e condicionantes. Pola outra, as voces protagonistas de toda esa expansiva riqueza literaria interpretando para nós o seu traballo creativo, revelándonos os seus procesos e expoñéndonos as súas chaves.
Carballo será unha das cinco sedes da provincia, xunto con Santiago, A Coruña, Ferrol e Betanzos. O encontro celebrarase este mércores 23, ás 20.00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa, e terá como protagonistas ás poetas Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial. Os 70minutos.con rematarán con música de jazz do grupo Lois Rivera Trío.