A primeira feira do mes de setembro terá un atractivo engadido, porque xunto aos mellores produtos da horta bergantiñá, na Praza do Concello haberá un espazo específico dedicado ao mel. A Asociación Galega de Apicultura (AGA), a través da súa delegación en Bergantiños, organiza a Feira Bercamel coa intención de afondar en cuestións de interese para as persoas que se dedican á produción pero tamén de difundir as excelencias do mel entre toda a poboación. O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Feiras e Mercados, colabora coa iniciativa.
A feira do mel estará aberta de 09.00 a 14.00 horas, e en cada unha das tres carpas que integran Bercamel haberá distintos contidos: na primeira desenvolveranse charlas informativas de especial interese para os/as produtores/as, xa que participarán expertos en cuestións moi concretas relacionadas co seu traballo; na segunda haberá demostracións, e na terceira, degustacións. O programa complétase cun sorteo de dúas cestas con produtos da feira entre todas as persoas que realicen algunha compra.
